martes, 12 de octubre de 2010

Levitaçao

Despois de todo un ano dende que comezamos a subir polas pedras, era case natural o plantexarse a posibilidade dunha viaxe que tivese por motivo principal a escalada. Nos últimos meses, o mesmo impulso levoume a moitos sitios curiosos, e en certa maneira isto cambiou a miña forma de entender moitas cousas.

Enténdaseme ben, non creo que a escalada (ou calquer outra actividade) sexa unha "excusa" para viaxar, nin para "ver mundo", nin para nada. Non creo que o viaxar precise de ningunha excusa; da mesma maneira, tampouco é necesario viaxar moito para escalar. Tal e como eu o vexo, e ao marxe de "estilos de vida" e demáis productos, para a escalada só se precisa do espazo natural (máis ou menos afín), e da propia capacidade para apaixoarse.

Pero, en fin, o certo é que ir de viaxe axuda moito a acadar un estado de maior autoconciencia, ou de receptividade, por así decir. E por iso enchimos o coche ata arriba de trastos e marchamos rumbo a Portugal, cunha vaga noción dos sitios a onde iríamos e de que faríamos, pero con ganas de probar cousas novas. O que pasou despois tentarei ilustralo outro día cunhas fotos. De momento, vale dicir que o tempo non foi o mellor, e que por culpa do temporal da semana pasada tivemos chuvia bastantes días. Cando chovía moito, colliamos o coche e cambiábamos de sitio, polo que recorrimos bastantes kilómetros en apenas unha semana.

A última parada antes de volver pra casa foi (de novo) Cascais, onde o sábado fumos escalar á Escola da Guia, situada nos acantilados baixo o Farol da Guia, no medio dun intenso movemento de ondas de máis de 5 m. Cando o mar estaba por mollar completamente os sectores inferiores, retrocedimos ata as escaleiras, onde se atopa un pequeno sector máis protexido por un enorme bloque.


E atopamos a Levitaçao. É a primeira das vías á dereita ao baixar as escaleiras, e a que está máis lonxe do mar. Trátase dunha liña xenial que atravesa un pequeno teito e logo unha placa desplomada (6c+); cun paso duro ao final que me tivo un bo rato colgado ata que veu unha ola tremenda que deixou aos que estaban en terra e ao meu asegurador empapados, e a min mesmo medio remollado, por non falar da vía que quedou impracticable. Entón recollimos todo e volvimos para poñer os trastos a secar...


Pero volvimos ao día seguinte cun tempo algo mellor, e atopei unha secuencia para o último tramo.
Sen embargo, e despois de sacar todos os pasos, tentei encadear un par de veces e non houbo maneira, sempre caía debaixo da reunión, totalmente reventado. Non sei se foi falta de resistencia, ou cansancio acumulado despois de durmir unha semana enriba dunha colchoneta de bulder compartida, pero o corpo non daba para máis. Ou será a cabeza a que manda deixarse caer cando xa apenas pode un cos brazos, antes que seguir subindo cara o incerto?

Voume contento aínda que non rematase de levitar por esta vez. É importante exporse a perder de vez en cando.






(Próximamente: a viaxe a Portugal)

No hay comentarios:

Publicar un comentario